Noia e Lousame optan a un obradoiro de emprego conxunto

    NOIA> Noia e Lousame solicitan conxuntamente un obradoiro de emprego para a formación de trinta e dous alumnos. A iniciativa, de seis meses de duración, contaría cun módulo de carpintería, outro de xardinería e dous de albanelería. No mesmo día en que remata o prazo, os concellos de Noia e Lousame presentaron a solicitude conxunta para acoller un obradoiro de emprego que daría formación a trinta e dous desempregados, dezaseis de cada municipio. A acción formativa, cunha duración de seis meses, suporía ademais da capacitación profesional destes alumnos, importantes melloras en cada un dos concellos. No de Noia, destinaríanse fundamentalmente a accións de adecuación no paseo marítimo e parques urbanos. Plantéxase ademais a recuperación do Monte do Bolo que se complementaría cunha actividade de promoción turística e posta en valor da paisaxe. Pola súa banda, as obras a acometer en Lousame inclúen actuacións de xardinería e carpintería na piscina municipal, a rehabilitación dun lavadoiro e mellora de accesos na aldea de Lesende ou o acondicionamento dunha zona de xardín nas minas de San Finx que quedaba por completar. Dado que o novo goberno de Noia tomou posesión hai unha semana e non había ningún trámite avanzado, deberon traballar a contrarreloxo para presentar a solicitude en tempo. A resolución por parte da Xunta terá lugar nun prazo aproximado de dous meses.