Inversión millonaria para un triple proxecto no porto da Pobra

    planportos.jpgPOBRA> Portos de Galicia investirá dous millóns e medio de euros nun plan de actuación no espazo portuario da Pobra.

    {flowplayer}barbanza/planportospobra.flv{/flowplayer}

    Co obxectivo de seguir avanzando na mellora deste porto que hoxe constitúe un exemplo de espazo multifuncional, Portos de Galicia acometerá este ambicioso proxecto que suporá un investimento de dous millóns e medio de euros.

    Ampliación da lonxa

    Unha das principais actuacións, que podería ascender ó millón de euros, é a mellora da lonxa coa substitución da cuberta, a mellora estética da fachada e a ampliación da superficie útil nun trinta por cento como mínimo. Estudarase tamén a petición da confraría, estruturar o novo espazo de xeito que poida acoller visitas guiadas sen interferir na actividade diaria da rula.

    Departamentos para usuarios

    Outra das actuación enmarcadas neste plan é a construción de entre 28 e 30 departamentos para os usuarios do porto, distribuídos en dous bloques ó carón da lonxa. Estes almacéns para pertrechos constitúen tamén unha vella demanda do pósito.

    Estación de servizo

    Por último, acometerase o recheo dunha esquina que actualmente se atopa en desuso fronte á rampla do Castelo. Alí instalarase unha estación de combustible non só para a flota senón tamén para vehículos terrestres particulares.

    Técnicos de Portos xa traballan no deseño dos tres proxectos co obxectivo de poder iniciar as obras durante o próximo ano.

    Redacción Barbanza