Rías Baixas, á vangarda da calidade

    MEIS> Día histórico para a Denominación de Orixe Rías Baixas. Esta mañá, 170 das súas adegas recolleron un novo certificado de calidade; desta volta, un que indica que os seus caldos cumpren con todas as esixencias a nivel europeo. Así, a DO convértese na primeira galega en conseguir a acreditación, e entre as primeiras de toda España.

    Os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas contan dende hoxe cun novo selo de calidade, desta volta a nivel internacional. Esta mañá, 170 adegas membros do Consello Regulador recolleron os seus certificados de produto,  que acreditan que os seus caldos cumpren coas esixencias europeas.

    O auditorio de Meis acolleu o multitudinario evento, ao que asistiron os representantes de practicamente todas as adegas que recollían o certificado. Todos recibiron a felicitación do presidente da Xunta. Alberto Núñez Feijóo resaltou o traballo e a calidade do sector.

    O presidente autonómico destacou que a produción de viños galegos medrou un 34% dende o 2009, cun incremento do 52% en mercados exteriores. Os caldos galegos suman máis de 200 millóns de euros ao ano, dos que máis da metade corresponden á DO Rías Baixas. Un importante peso ao que tamén se referiu a presidenta da Deputación de Pontevedra.

    Pero os adegueiros foron os protagonistas do evento. Un a un recolleron os seus certificados, cos que remata unha etapa dun camiño que arrancaron no 2010, coa implantación do Manual de Calidade. Agora, agardan que este recoñecemento lles abra novas portas.

    A Denominación de Orixe Rías Baixas é a primeira DO galega en conseguir esta acreditación internacional, e figura tamén entre as primeiras de toda España.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/03marzo/01/acto_certificados_adegas.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/03marzo/01/acto_certificados_adegas.mp4{/flowplayer}