Plademar Muros-Noia non descarta unha folga xeral nos sectores primarios

    NOIA> Plademar Muros – Noia esixe a dimisión da Conselleira do Mar tralo éxito da manifestación e a participación de varios dos seus membros nas mesas de traballo celebradas en Bruxelas. De non ver un cambio nas políticas da Consellería a curto prazo, ameazan coa convocatoria dunha folga xeral en tódolos sectores primarios galegos. Malia a valoración tremendamente positiva da manifestación que cualifican de multitudinaria e exemplar, a Plataforma en Defensa do Mar de Muros Noia lamenta que de momento non estea a dar os seus froitos. Este colectivo, ó igual que a maior parte dos participantes na mobilización, esixían un cambio de rumbo das políticas da Consellería que pasaría irremediablemente pola dimisión da actual cabeza do departamento, Rosa Quintana, e do seu secretario xeral, Juan Maneiro. Trala súa participación nunha serie de mesas de traballo celebradas en Bruxelas, os membros da plataforma asistan non sentirse representados polos parlamentarios europeos nin polas administracións autonómica e estatal. Por todos estes motivos, non descartan a convocatoria dunha folga xeral á que poderían sumarse non só os sectores produtivos do mar senón tamén o agro e a gandeiría. A curto prazo, a plataforma ten previsto organizar un acto informativo para dar conta da súa experiencia en Bruxelas na que quedou ó descuberto, din, a aposta decidida da administración galega pola acuicultura en detrimento da pesca artesanal e o marisqueo.