O PSOE tilda de tránsfugas e desleais ós edís díscolos do NOIA

    NOIA> Segundo os socialistas tanto Marisol Villar coma José Pérez están a antepoñer os seus intereses persoais ás necesidades dos veciños. Para os socialistas a saída de Marisol Villar e José Pérez do goberno fíxose de xeito desleal, a través dunha comunicación por rexistro, sen dirixirse persoalmente ó alcalde, e esgrimindo desacordos coa xestión municipal cando non é verdade, xa que en sete meses de goberno compartido foron tamén corresponsables da xestión municipal, aprobándose neste tempo tódolos acordos da Xunta de Goberno por unanimidade, sen que existise nunca nin unha soa crítica. Por esta razón os socialistas aluden a posibles intereses escuros para xustificar agora a marcha dos edís independentes, antepoñéndoos ás necesidades dos veciños. Para os próximos días anuncian unha comparecencia ante os medios na que esperan realizar unha análise máis pormenorizada da actual situación municipal, poñendo de manifesto a falla de escrúpulos coa que, segundo eles, actuaron os concelleiros do NOIA.