Os alumnos de Castiñeiras converteranse en pequenos ‘masterchef’ solidarios

    RIBEIRA> O colexio Sagrado Corazón de Xesús de Castiñeiras organiza un concurso de cociña entre os alumnos. A iniciativa ten carácter solidario posto que os rapaces que desexen participar deberán aboar, como cota de inscrición, alimentos que a Cruz Vermella repartirá entre as familias máis necesitadas. Os escolares do Colexio Sagrado Corazón de Xesús de Castiñeiras, en Ribeira, converteranse este sábado en pequenos cociñeiros ó participar no concurso Masterchef promovido pola ANPA en colaboración coa dirección do centro. Máis do corenta pequenos disporán de corenta e cinco minutos para elaborar os seus pratos, con froita ou ovo cocido como ingrediente principal. Ademais da orixinalidade desta iniciativa, que fomentará a creatividade culinaria dos máis cativos, destaca por riba de todo a súa vertente solidaria. O concurso dará comezo ás catro e media da tarde do sábado nas instalacións do centro educativa. Aínda que se trata da primeira edición, os organizadores agardan un grande éxito de participación polo que teñen previsto darlle continuidade nun futuro. Con este obxectivo, seguirán a contar co apoio dos patrocinadores que apoian a iniciativa: Frinsa, Botter, Don Glotón, Papelería Mirás, Perruquería Tina e Deportes Estévez.