Muros equiparará os salarios do persoal laboral temporal co fixo

MUROS> Inspección de Traballo insta ó concello de Muros a equiparar os salarios do persoal laboral temporal e fixo. Este requirimento chega tras numerosas denuncias formuladas por CCOO. O luns celebrarase unha mesa de negociación para elaborar a Relación de Postos de Traballo. A Inspección de Traballo vén de efectuar un requirimento ó concello de Muros para rematar coa discriminación salarial e garantir o cumprimento do convenio colectivo polo que o persoal laboral temporal debe percibir as mesmas retribucións que o persoal fixo. O pronunciamento da inspección chega tralas reiteradas denuncias formuladas por CCOO polo incumprimento do acordo sobre o complemento de antigüidade ou pola vulneración do estatuto dos traballadores, ó non converter en indefinido a persoal que leva anos encadeando contratos temporais. Ante este requirimento, o concello convocou para o próximo luns unha mesa xeral de negociación para elaborar a Relación de Postos de Traballo. A este respecto, dende Comisións agradecen a boa vontade amosada pola alcaldesa de Muros nas distintas xuntanzas nas que manifestou a súa intención de cumprir co requirido. De feito, xa se comezou a aboar o complemento de antigüidade a parte do persoal. Aínda así lamentan a demora na convocatoria da mesa de negociación na que agardan que o concello adquira o compromiso firme de estender o dereito ó complemento da antigüidade a tódolos traballadores así como a elaboración dunha RPT xusta.