BOIRO > O Obradoiro Epistolar desenvolvido polos membros da Escola de Adultos de Boiro chegou á súa fin coa botadura das cartas á ría. Os participantes desprazáronse ata o Faro de Corrubedo onde arroxaron dez botellas cunha mensaxe ó mar coa esperanza de que cheguen ás mans de posibles destinatarios que respondan as súas misivas.
Deste xeito tan orixinal remataba o obradoiro epistolar que ó longo de varios meses veu desenvolvendo a Escola de Adultos do Concello de Boiro. Nesta última fase, os participantes realizaron unha excursión ó Faro de Corrubedo, lugar idóneo para a botadura das cartas ó mar. En total, arroxáronse dez botellas que contiñan no seu interior unha carta na que explican o contido deste obradoiro e se facilita a dirección do Centro Social solicitándolle ó destinatario unha resposta.
Con este obradoiro preténdese coñecer o alcance que hoxe en día aínda teñen os antigos medios de comunicación, nunha sociedade dominada polas novas tecnoloxías.
Trala botadura das cartas, os maiores ralizaron unha visita ó Centro de Interpretación do Parque Natural de Corrubedo onde asistiron á proxección dun vídeo sobre as características deste entorno. A continuación desprazáronse ata a parroquia de Aguiño onde o cura párroco realizou unha visita guiada pola igrexa. Finalmente chegaron a Ribeira, onde foron recibidos no auditorio municipal polo concelleiro de Cultura de Ribeira, Luciano fernández, onde tivo lugar un intercambio de agasallos.
Redacción Barbanza