O alcalde da Pobra plantexa á Deputación as principais necesidades do municipio

    POBRA> O concello da Pobra solicitou a colaboración da Deputación da Coruña para mellorar a accesibilidade en varias infraestruturas do municipio. Ademais das actuacións pendentes no Cine Elma, o alcalde pobrense trasladou ó presidente provincial a necesidade de acometer beirarrúas na estrada provincial que conecta o casco urbano co polígono da Tomada. O alcalde da Pobra mantivo unha xuntanza co presidente da Deputación para plantexarlle algunhas das necesidades da vila en materia de accesibilidade. Entre elas, as melloras asumidas polo concello no Cine Elma como a construción dunha rampla de acceso, a adecuación das portas ou a acometida eléctrica. Queda pendente ademais a dotación de varios equipos. Outra das demandas nas que o concello busca o apoio provincial é a construción de beirarrúas en varias estradas do municipio que presentan problemas de seguridade viaria. A prioritaria sería a que conecta o polígono da Tomada co centro da Pobra posto que soporta moito tráfico pesado. O rexedor pobrense plantexou a necesidade de contar cun servizo mancomunado de canceira para minimizar a poboación de cans abandonados no concello. Abordáronse tamén as axudas ás que optará o municipio no marco dos Plans de Emprego Local e de Medio Ambiente da Deputación que facilitarán a contratación temporal de persoal municipal.