Inaugurada a III Feira da Educación de Ribeira

    RIBEIRA> O secretario xeral de Política Lingüística inaugurou a terceira feira da educación de Ribeira. Ata o próximo sábado o auditorio municipal acollerá os expositores dos centros e asociacións que participan neste evento así como diversas actividades de dinamización cultural. O auditorio municipal de Ribeira converterase nestes días nun fervedoiro cultural grazas ás máis de trinta actividades programadas no marco da terceira feira da educación que hoxe abriu as súas portas. Abonda con dar unha volta polas instalacións para facerse unha idea do potencial creativo dos alumnos dos distintos centros do municipio así como doutras entidades que participan no evento. O secretario xeral de Política Lingüísitica destacou a amplitude desta iniciativa que agrupa a toda a comunidade educativa favorecendo a interrelación non só entre docentes e alumnos senón entre centros. Ademais dos obradoiros e exposicións, a feira acollerá concertos, obras de teatro, recitais e todo tipo de espectáculos culturais, abertos non só á comunidade educativa senón a toda a cidadanía.