Ribeira aproba o POS+ 2025 da Deputación da Coruña

RIBEIRA> O pleno extraordinario celebrado onte permitiu a aprobación do POS Plus da Deputación da Coruña para este ano 2025, no que ó municipio lle corresponden 1’7 millóns de euros.

Dese total, uns 800 mil euros serán destinados a gasto corrente, e a cantidade restante á realización de obras.

Nas actuacións incluídas con cargo ó dito Plan atópanse a realización dunha nova grada no campo de fútbol da Guía, en Carreira; a renovación do parque infantil da rúa Castelao, en Aguiño; a pavimentación da  Avenida Miguel Rodríguez Bautista e a ampliación do saneamento en Cristal, na parroquia de Olveira.

No Plan Complementario incluíronse o saneamento na Ponte, en Artes; a renovación da traída de auga nos Mosqueiros; a pavimentación e renovación da rede de abastecemento na rúa Agriña, en Palmeira; a pavimentación da Avenida Buenos Aires, entre a Rúa do Canaval e a travesía, en Corrubedo e a ampliación do saneamento nos Muíños, en Oleiros.

O punto saíu adiante con 11 votos a favor, os do equipo de goberno: BNG, PBBI e Partido Socialista, e 10 abstencións, as do Partido Popular.

Os populares criticaron a elevada contía destinada a gasto corrente, o que significará menos investimentos nas parroquias.