O goberno da Pobra propón unha oferta estable de visitas turísticas guiadas

    POBRA> O executivo pobrense levará ó próximo pleno a proposta de establecer uns prezos públicos para as visitas guiadas de carácter cultural ou deportivo. Deste xeito, pretende consolidar unha oferta turística a demanda dos visitantes, con apenas custo para as arcas municipais. Actualmente existen na Pobra varios roteiros culturais relacionados coa figura de Valle-Inclán así como unha ampla rede de sendeiros. Sen embargo, desenvólvense de xeito puntual sen que exista unha oferta consolidade de visitas guiadas para os turistas. Por esta razón, o executivo proporá no pleno deste xoves o establecemento duns prezos públicos para a realización destas actividades en función da demanda existente. As visitas ofertaranse para grupos dun mínimo de quince persoas e correrán a cargo de técnicos especializados. Os prezos variarán en función da actividade e establecerase tanto por persoa como por grupo.