Os mariscadores de Aguiño maniféstanse pola titularidade do Carreiro

    RIBEIRA> Mariscadores e veciños de Carreira e Aguiño manifestáronse diante da delegación de Pesca en Ribeira para reclamar a titularidade do banco do Carreiro. Agardan manter unha xuntanza nas próximas horas coa Conselleira do Mar para trasladarlle a súa preocupación pola autorización do libre marisqueo na zona. Tal e como anunciaran, os mariscadores da confraría de Aguiño concentráronse esta mañá ás portas da delegación de Pesca en Ribeira. Con esta manifestación pacífica pretenden reivindicar a titularidade do banco do Carreiro, no que a Xunta autorizou o libre marisqueo. Tras ser recibidos polo delegado de pesca na comarca, a directiva da confraría está pendente de que a Conselleira do Mar acceda a reunirse cunha representación dos afectados, xuntanza que podería producirse este mesmo sábado. Agardan que o diálogo coa administración dea o seu froito e poidan recuperar un banco que leva formando parte das súas concesións dende 1973.