O traballo nas xestorías aumenta notablemente debido á crise do coronavirus

BOIRO> As asesorías e xestorías viron estes días aumentado notablemente o seu volume de traballo debido á crise do coronavirus. Entre outras razóns pola tramitación dos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego que deben presentar as empresas. Achegámonos hoxe ata XestiónBoiro para coñecer como levan eles esta situación e cales son as principais demandas dos seus clientes.

Entre papel e papel e despois de atender a ducias de chamadas de teléfono, logramos falar con Marcos Pérez, xerente de Xestión Boiro. O ritmo de traballo nesta xestoría aumentou dun xeito notable dende o inicio da crise do coronavirus, e os seus empregados traballan sen descanso, co fin de dar resposta ás numerosas solicitudes dos seus clientes. Pero cales son as principais consultas estes días?

A tramitación dos ERTE’s daquelas empresas que viron paralizada a súa actividade, é tamén unha das cuestións máis demandadas. Na súa maioría relacionados con sectores como a hostalería e o comercio. Os primeiros que sufriron o peche.

A estas alturas do ano a situación complícase aínda máis ó coincidir tamén co peche do trimestre e ó inicio da presentación da declaración da renda.

Ó elevado ritmo de traballo, hai que sumarlle outro inconveniente, a falla de información e os cambios que día si e día tamén establece o Goberno.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí