A POBRA> A Pobra volverá ser sede do programa Camiños de Coñecemento e Experiencia da Universidade de Santiago. Dará comezo a finais de marzo e incluirá tres seminarios sobre socioloxía, patrimonio e historia da arte.
Os pobrenses maiores de 50 anos teñen unha nova ocasión de ampliar a súa formación a través do programa ‘Camiños de Coñecemento e Experiencia’ da Universidade de Santiago. Componse de tres seminarios con sesións teóricas e prácticas.
A sexta edición dará comezo o 22 deste mes co seminario ‘Idadismo: desterrando Prexuízos’. O segundo dos seminarios versará sobre os pazos e inclúe unha visita a un dos exemplos máis representativos destes elementos patrimonais na comarca como é o Pazo de Goiáns en Boiro. O programa pecharase cun obradoiro sobre Moda, arte e historia a cargo de Mónica Rey.
As sesións teóricas desenvolveranse no auditorio do Museo Valle-Inclán entre as catro e media e as seis da tarde. A matrícula é de balde e pode formalizarse na casa da cultura Raquel Fernández Soler.