As discrepancias sobre as áreas comerciais poderían derivar na división da ABE

    BOIRO > A postura dos comerciantes boireses de opoñerse unicamente ás áreas comerciais que se pretenden instalar lonxe do centro urbano como as previstas para A Pedreira e Espiñeira vén de xerar certo desconcerto entre a directiva da ABE. Inicialmente, os socios da patronal amosaran o total desacordo coas grandes áreas comerciais, calquera que fose a súa ubicación. Sen embargo, a atracción de clientes que implican estes centros podería ser beneficiosa para o pequeno comercio, sempre que se implanten no casco urbano da localidade.

    O presidente da Asociación Boiresa de Empresarios, Joaquín Vilas, espera que a asemblea ordinaria a celebrar o próximo martes decida a postura definitiva a manter en relación coa posible implantación das grandes áreas comerciais no municipio.

    Joaquín Vilas cualificou de desconcertante tamén o cambio de postura dos comerciantes que forman parte da entidade que pasaron dun total rexeitamento das áreas comerciais á aceptación destas superficies con certas condicións. O requisito é que os centros comerciais estean situados no casco urbano, preto da zona comercial, de xeito que os clientes que se acheguen ás grandes superficies pasen tamén polos pequenos establecementos.

    Segundo el se os socios da ABE se posicionan abertamente favorables á apertura das grandes áreas comerciais na localidade provocaría unha división da patronal, o que podería levar consigo que o sector do comercio se desligara da ABE para crear a súa propia asociación.

    Redacción Barbanza