Nené Barral acepta a súa condena por fraude e evita ir a prisión

O ex alcalde de Ribadumia Nené Barral acepta a condena por un delito contra a facenda pública por defraudar máis de 300.000 euros. A acusación contra as súas tres fillas foi retirada e el evita entrar no cárcere medio ano por cada delito a cambio dunha multa.

 

O ex alcalde de Ribadumia José Ramón “Nené” Barral sentaba esta mañá no banco dos acusados do Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra. Nené, acusado de dous delitos contra a facenda Pública por defraudar 338.000 euros nas súas declaracións do IRPF de 2006 e 2007 correspondentes aos seus negocios acuícolas e do sector da enerxía eólica en Chile e China, recoñecía a autoría de ambos chegando a un acordo coa Fiscalía e a Avogacía do Estado.

O ex alcalde acepta a condena dun ano de cárcere, seis meses por cada delito, que se cambiará polo pago dunha multa de algo máis de 4.000 euros que se corresponde co pago de 6 euros diarios durante 24 meses.  Tamén terá que pagar dúas multas de 88.000 e 131.000 euros correspondentes a cada delito, xunto cos intereses e as cantidades defraudadas, pero estas, tras realizarse o acordo, xa foron abonadas previamente ao xuízo.

A condena inclúe a perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas e do dereito a gozar de beneficios ou incentivos fiscais durante cinco anos.

Froito do acordo ao que chegaron as partes, que xa anunciaron que non recorrerán, a Fiscalía retirou a acusación contra as tres fillas de Barral que estaban inicialmente acusadas polos mesmos delitos.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/05maio/04/xuizo_nene_barral_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/05maio/04/xuizo_nene_barral.mp4{/flowplayer}