Boiro Novo volve demandar a celebración dun pleno mensual

    BOIRO> Boiro Novo denuncia o mal funcionamento do pleno municipal que non se está a convocar coa periodicidade establecida. Ademais, o carácter bimensual da celebración das sesións impide que se poidan tratar tódolos asuntos incluídos na orde do día. No último pleno celebrado en marzo tan só puideron ser abordadas cinco das dezanove cuestións que figuraban na orde do día. Para dar saída a estes puntos, Boiro Novo propuxo a celebración dunha sesión extraordinaria durante o mes de abril que non chegou a convocarse. Para a formación política, este é un exemplo máis da mala xestión que se está a realizar dun órgano tan importante onde se acordan cuestións decisivas para o municipio. Conscientes da complexidade da corporación municipal, integrada por seis grupos, propoñen que se convoquen os plenos cunha periodicidade mensual, algo que xa solicitaban ó principio da lexislatura. Refírense tamén á necesidade dunha maior orde nos debates plenarios que, en boa parte dos casos, acaban derivando en cuestións persoais ou mesmo insultos coa falla de respecto á cidadanía que supón este comportamento.