Porto do Son porá en valor o Castro de Baroña con visitas guiadas

    PORTO DO SON> O castro de Baroña contará este verán con visitas guiadas. Así o decidiu o concello de Porto do Son en vista do potencial turístico deste xacemento que recibe máis de cento vinte mil visitas anuais. A partir deste verán, os que se acheguen ata o castro de Baroña de Porto do Son poderán afondar un pouco máis na historia deste xacemento e dos seus habitantes. Un equipo de arqueólogos realizarán percorridos guiados dando a coñecer a forma de vida do poboado celta. Trátase dun proxecto piloto que comezará a andar nas próximas semanas e, en función dos resultados, podería instaurarse de forma permanente. Con oferta deste servizo, o concello de Porto do Son segue avanzando no seu plan de dinamización turística iniciado xa co traslado da oficina de información ó Castro. O obxectivo é que o visitante que se achegue ata Baroña quede no concello para coñecer os numerosos atractivos que ofrece. O concello vai máis alá e plantexa unha colaboración futura a nivel comarcal onde os visitantes poidan acceder a tours guiados por distintos concellos.