Noia investiga a orixe dun vertido incontrolado

NOIA> Xa non é a primeira vez que pasa. O concello de Noia ven de retirar un vertido incontrolado de materias de construción ó carón da estrada AC-543, nas inmediacións da gasolineira Combustibles Barcia SLU. Segundo explicou a concelleira de Medio Ambiente de Noia, Ángela Neri, xa se procedeu a limpeza dos vertidos en varias ocasións. Por este motivo, o executivo noiés deu traslado desta situación á Xunta de Galicia, xa que cos medios dos que dispoñen non dan arranxado o problema. Non se trata do único vertido incontrolado, nos últimos meses o Concello leva retirado outro par de puntos de vertido, ademais deste último na parcela ao pe da AC-543. Polo que, a concelleira aproveita esta ocasión para recordarlles ós veciños que Noia dispón dun punto limpo. Encóntrase no polígono de Augalevada, e está aberto de luns a venres, en horario de mañá e tarde, excepto os xoves que só abre pola tarde. Dende o executivo recalcan a importancia da colaboración cidadá. Piden ós veciños que fagan uso do punto limpo e dos servizos de recollida de lixo e aparellos eléctricos. A solicitude pódese facer ben no Concello ou chamando por teléfono.