Un cachiño de Europa no mercado pontevedrés

PONTEVEDRA> O mercado de Pontevedra ábrese a Europa. Esta mañá, a praza acolleu a segunda actividade do Degusta Europa organizado pola Deputación de Pontevedra. Os alumnos do Carlos Oroza fixeron as delicias dos compradores, repartindo os pinchos máis internacionais con produtos cen por cen do mercado pontevedrés.

 

Fish and chips con peixe e patacas de Galicia, ensalada caprese substituíndo a mozzarella por queixo de vaca galego ou o gyros grego feito con tenreira do país. 

Coa chegada do Degusta Europa, os que hoxe pasaron pola praza de abastos de Pontevedra puideron darse un paseo gastronómico polo vello continente.

Os alumnos do Carlos Oroza encargáronse de todo: fixeron a compra na praza de abastos e elaboraron estas reinterpretacións de pratos internacionais, dándolle un toque autóctono que foi moi ben recibido.

Con esta iniciativa, búscase un dobre obxectivo: potenciar os mercados de abastos por unha banda e, pola outra, pór en valor os produtos das Rías Baixas.

A seguinte parada será o mercado de Cambados. O vindeiro día 10, os cambadeses poderán gozar deste cachiño de Europa que lles levarán os alumnos do Carlos Oroza.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/05maio/06/degusta_europa_pontevedra.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/05maio/06/degusta_europa_pontevedra.mp4{/flowplayer}