O PP de Poio esixe unha actuación integral na rúa Lameiriña

POIO> O PP de Poio reclamou hoxe unha actuación integral na rúa Lameiriña. O Concello comprometeuse a reformar este vial de Raxó no ano 2018. Así e todo, a rúa segue presentando importantes fochancas.

Este é o estado actual da rúa Lameiriña. No ano 2018, o Concello de Poio aprobou o proxecto para reformar este vial, así e todo, a día de hoxe continúan as fochancas. Por iso, o PP de Poio achegouse hoxe ata aquí para reclamar unha actuación integral nesta rúa.

Os veciños están fartos de que o Concello faga oídos xordos a este problema e que traten de tapar con pequenos parches os diferentes fochos.

O deterioro da rúa non só provoca consecuencias nos vehículos de todos os que pasan por aquí a diario, senón que ademais, xera tamén estragos nas súas vivendas.

Na rúa Lameiriña hai arredor de 80 casas e por aquí pasan a diario medio centenar de coches. Por iso, os veciños piden unha solución urxente.