POIO> Poio fai un chamamento ás veciñas que poidan ser vítimas de malos tratos. O goberno local lembra que o Centro de Información á Muller mantén operativas tódalas súas canles de atención durante o confinamento. Ademais, ofrecerá tamén asesoramento xurídico a mulleres que no seu traballo non dispoñan de posibilidades de conciliación.
A Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller de Poio mantéñense plenamente operativos durante o vixente estado de alarma.
Unha das liñas de asesoramento que está a ofrecer vai dirixido a aquelas veciñas que teñan ao seu cargo cativos menores de 12 anos ou persoas maiores dependentes. A todas elas ofrecéselles asesoramento xurídico, en caso de que nos seus lugares de traballo non lles acheguen posibilidades de conciliación.
Ademais, tamén se mantén a atención e asistencia psicolóxica e xurídica a vítimas de violencia de xénero.
As afectadas poden poñerse en contacto co CIM a través do teléfono da Casa Rosada (986 87 24 01). Tamén é posible contactar enviando un correo electrónico á dirección igualdade@concellopoio.org.
A concelleira de Igualdade, Silvia Díaz, lembra, asemade, que o CIM tamén facilita información sobre outros recursos aos que poden acceder aquelas mulleres que teñan sufrido unha agresión machista.