PONTEVEDRA> O programa Falamos continúa medrando. O proxecto, que naceu co obxectivo de fomentar o galego entre os estudantes do campus de Pontevedra, deu hoxe un paso máis. A Universidade de Vigo e o Concello presentaron hoxe algunhas das actividades que se desenvolverán neste curso escolar.
O programa Falamos xurdiu hai uns meses da colaboración do Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo. Un proxecto destinado a persoas galegofalantes do campus pontevedrés e que trata de incrementar o emprego desta lingua entre o alumnado e de crear espazos de socialización.
Este programa deu hoxe un paso máis cara adiante. Ademais de levar a cabo diferentes campañas informativas no campus pontevedrés, este programa desenvolverá tamén numerosas actividades entre o alumnado. Dende un club de lectura, pasando por obradoiros de cociña e rematando con proxeccións de cinema. Un dos eventos máis innovador será o proxecto de voluntariado lingüístico.
Na actualidade, só un 18% do alumnado deste campus é galegofalante, fronte ao 64% que é monolingüe en castelán. Por iso, dende a Universidade de Vigo e dende o Concello cren que hai un terreo moi interesante no que seguir traballando para conseguir fomentar o uso do galego entre os máis mozos.