Boiro Novo insta ó concello a frear a regularización catastral

    BOIRO> Boiro Novo insta ó pleno municipal a rexeitar o proceso de regularización catastral que ten previsto desenvolver a administración central no concello. Consideran que o incremento dos valores catastrais suporá importantes prexuízos para a economía do rural. Boiro Novo recolle nesta moción numerosas queixas veciñais formuladas ante o proceso de regularización catastral imposto polo Ministerio de Facenda. Denuncian que, tras este proceso, as construcións anexas ás vivendas que ata agora non pagaban IBI pasarán a estar gravadas coas negativas consecuencias económicas para as familias do rural. A agrupación boirense ve claro afán recadatorio nesta medida; algo especialmente grave nun concello como Boiro que vén de adiantar o cobro do IBI. Denuncian ademais que o incremento dos valores catastrais afectarán ó cálculo do patrimonio condicionando o acceso a becas ou axudas públicas.