O concello mediará entre os pósitos de Aguiño e Ribeira no conflito do Carreiro

    RIBEIRA> O concello de Ribeira mediará entre os pósitos de Ribeira e Aguiño , enfrontados polos límites para a explotación do plan conxunto da navalla. O obxectivo é contrastar as medicións realizadas pola Xunta co estudo contratado polo pósito aguiñense para establecer os lindes do banco do Carreiro. Semella que a tensa calma entre as confrarías de Aguiño e Ribeira durará o tempo que tarde en remitir a toxina que dende hai unha semana mantén pechado o banco do Carreiro. A comisión de seguimento apenas serviu para achegar posturas entre os dous pósitos, enfrontados pola extracción de navalla na zona. Por esta razón, o concello decidiu intermediar entre as dúas entidades. Tras reunirse con ámbolos dous patróns maiores, o alcalde comprometeuse a convocar unha xuntanza coa asistencia dos técnicos da Xunta que realizaron as medicións no banco do Carreiro e o topógrafo contratado pola confraría de Aguiño. O obxectivo é contrastar os estudos para formular unha nova proposta. Pola súa banda, dende a Consellería do Mar tamén instan ó diálogo entre os dous pósitos para optimizar a xestión dos recursos de forma conxunta. Lembran que o plan conxunto da navalla foi aprobado en 2008 polo que deberían ser ás confrarías as que se puxesen de acordo na súa explotación. Pola contra, os mariscadores de Aguiño insisten en que debe ser a Consellería a que medie para resolver o conflito polo que xa plantexaron a súa intención de manifestarse ante as dependencias de San Caetano.