O PSOE de Boiro desaproba ó goberno no primeiro ano da lexislatura

    BOIRO>Un ano despois das eleccións municipais, a agrupación socialista de Boiro fai un balance moi negativo da xestión do goberno. Botan en falla infraestruturas necesarias para o municipio así como máis investimentos en Servizos sociais. De ano perdido cualifican os socialistas de Boiro este arranque da lexislatura no que, din, non se teñen acometido as infraestruturas pendentes. Destacan, por exemplo, os pantaláns de Cabo de Cruz, a dotación de beirarrúas en varios treitos da rede viaria ou problemas coa rede de saneamento Lonxe de acometer novos proxectos, os socialistas acusan ó goberno da falla de mantemento doutras infraestruturas xa existentes como algúns parques infantís, o Camiño Rea ou o pazo de Goiáns. Dende a agrupación socialista critican ademais a política fiscal do executivo que, en lugar de rebaixar impostos, non fixo máis que adiantar o cobro de tributos como o IBI. Son especialmente sensibles os socialistas en materia de servizos sociais demandando novamente servizos tan necesarios como a residencia da terceira idade.