Frean o desafiuzamento dunha familia de Ribeira por impago do alugueiro

    RIBEIRA> Satisfacción entre os membros de Stop Desafiuzamentos do Barbanza despois de que o Valedor do Pobo admitira a trámite as queixas sobre a situación do poboado chabolista da Conlleira. Non é esta a única boa nova posto que a plataforma vén de evitar o desafiuzamento dunha familia de Ribeira. As xestións da plataforma permitiron frear o desafiuzamento dunha familia de Ribeira con tres menores previsto para o tres de xuño. Seguen demandando ademais a intervención das administracións públicas para acabar coa situación de chabolismo en que viven varias familias ribeirenses, no poboado xitano da Conlleira. O valedor do pobo xa admitiu a trámite unha queixa sobre a precariedade deste asentamento e representantes do propio concello desprazáronse ata a zona para tomar nota da difícil situación que atravesan estas familias. Dende a plataforma denuncian ademais o incremento de persoas, especialmente inmigrantes, que están pagando un alugueiro por ocupar vivendas que non reúnen as mínimas condicións de habitabilidade polo que piden un maior control por parte das administracións. Por último felicítanse das últimas medidas tomadas pola Xunta para promover o alugueiro social de vivendas baleiras a través dun convenio da FEGAMP. Lembra o voceiro da plataforma que Vilagarcía e Ribeira son os concellos con máis vivendas deshabitadas de toda España.