LOUSAME> O Mosteiro de San Xusto de Toxosoutos encherase de tradición e artesanía o domingo doce de xuño. Neste emblemático enclave terá lugar o ‘Encontro de saberes e sabores’ onde se desenvolverán obradoiros de elaboración de produtos, desgustacións e actividades de promoción das actividades artesanais. Este encontro de saberes e sabores constitúe o mellor colofón para os cursos que se viñeron desenvolvendo no marco dun convenio entre o concello, a UNED e a asociación máis de tres. Tódalas actividades formativas estiveron relacionadas cos sectores primarios como unha vía para dinamizar o desenvolvemento do rural a través das súas inmensas potencialidades. Así, neste encontro, os alumnos exhibirán os coñecementos adquiridos na elaboración de diversos produtos. Están convidados ademais todos aqueles artesáns da zona que desexen expoñer a súa forma de traballar. A xornada dará comezo ás once da mañá no mosteiro de Toxosoutos. Previamente, está organizada unha ruta de sendeirismo que partirá deste punto ás dez da mañá ma que os asistentes poderán desfrutar dos máis fermosos enclaves naturais de Lousame. Co obxectivo de dar a coñecer todo este saber tradicional entre os máis cativos, o concello planeou este encontro coincidindo coa xornada do Bosque Escola que vai desenvolver no municipio a Fundación Félix Rodríguez de la Fuente. Así, os pequenos poderán coñecer de primeira man os segredos da elaboración artesanal. O programa inclúe tamén unha charla coloquio sobre o patrimonio de Lousame a cargo de Clodio González Pérez, prevista para mediodía.
Inicio Barbanza - Muros - Noia