Luz verde da Xunta ó PXOM de Porto do Son

    PORTO DO SON> O novo planeamento substituirá as vellas normas subsidiarias vixentes dende hai máis de dúas décadas. Trala súa aprobación no Consello da Xunta celebrado esta mañá, a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, desprazouse ata a localidade, para asinar co seu alcalde, Luís Oujo, a orde de aprobación definitiva do PXOM. Segundo indicou a Conselleira o novo planeamento contribuirá, entre outros aspectos, á conservación dos valores naturais e ambientais do municipio. O rexedor sonense agradeceu a tódolos actores implicados no proceso todo o seu esforzo e dedicación para conseguir este importante logro. Segundo el tratábase dunha das principais demandas dende a súa chegada á Alcaldía. Entre outros aspectos, o novo PXOM, que terá unha vixencia duns vinte anos, inclúe dous núcleos urbanos, como son Porto do Son e Portosín, e un total de 160 núcleos rurais, dos que 25 son de nova creación.