O PP plantexa unha moción de confianza

    POBRA> Tanto PP coma BNG coinciden á hora de criticar ó equipo de goberno pola súa ineficacia e falla de xestión. O Partido Popular acusa ó actual goberno municipal de Nós Pobra de irresponsable. Dende esta formación sinalan que só eles son os culpables, coa súa mala xestión, de que os orzamentos municipais para o presente ano non saisen adiante. Razón máis que suficiente para pedir que se someta a unha moción de confianza, para deixar saír ó municipio do estancamento no que leva inmerso no último ano. Tamén o BNG coincide nesta análise. Dende as filas nacionalistas consideran que se trata duns orzamentos decepcionantes, nos que non se observa ningunha proposta ou alternativa para sacar ó municipio do esmorecemento ó que o levaron dezaseis anos de goberno do Partido Popular, razón máis que suficiente para xustificar a súa decisión de non apoialos. Para eles o feito de levalos a pleno sen contar previamente co apoio de algún dos grupos da corporación parécelles ademais un atrevemento e unha irresponsabilidade. Como tamén o foi o feito de non incluír ningunha das propostas presentadas polos nacionalistas. Por esta razón volven a tender a man, e piden novamente unha chamada ó consenso, solicitándolle ó goberno municipal un cambio de rumbo, para que se negocien uns orzamentos que si conten co apoio dunha maioría da corporación e así poder levalos ó pleno sabendo que van saír adiante.