MUROS/NOIA> Poucos cambios nas comarcas de Muros e Noia. O máis significativo: a caída do Partido Popular en Outes, perdendo a alcaldía en favor de Compromiso por Outes. En Noia, o Partido Popular non conseguiu maioría absoluta, pero poderá gobernar reeditando novamente o pacto co NOIA. Vislúmbrase un panorama complexo tamén en Muros onde se repetiron practicamente os resultados de 2015 e haberá que agardar para coñecer á futura alcaldesa. O Partido Popular conserva Porto do Son e Lousame, revalidando maiorías.
Manolo González, de Compromiso por Outes, será o próximo alcalde tras case 30 anos de gobernos do Partido Popular. Con cinco edís, a súa formación iguala ao PP. Pero convértese na forza máis votada, superando ós populares de Beatriz Molinos. Sufriu unha caída considerable, perdendo tres concelleiros, e tamén a maioría absoluta. A corporación complétase co BNG que entra con dous edís e o Partido Socialista que conserva un.
En Noia o Partido Popular perde tamén un edil respecto a 2015, pero poderá reeditar o pacto de goberno co NOIA que mantén os seus dous edís. O PSOE noiés sobe un concelleiro, pasando de catro a cinco. O resto de forzas, Marea Cidadá e BNG, repiten tamén os resultados de 2015.
Muros centrará a atención estas próximas semanas. O PP con Inés Monteagudo segue a ser a forza máis votada, conservando os catro edís de 2015. O Partido Socialista de Caridad González mantense tamén con catro edís. CxG repite tamén cos tres edís das anteriores municipais, pero terá complicada a carambola de hai catro anos para reter o bastón de mando.
O Partido Popular conserva dúas maiorías absolutas
En Porto do Son cómpre destacar a maioría absoluta conseguida polo PP, que conserva os sete concelleiros de 2015. Suben tamén BNG e Partido Socialista, que reparten tres edís cada un, os dous que tiña PortoDos, que desaparece da corporación.
O Partido Popular seguirá a gobernar tamén en Lousame. Teresa Villaverde conserva a maioría absoluta, aumentando ademais un edil con respecto a 2015. O resto de partidos queda do seguinte xeito: PSdeG mantén os tres edís e BNG o seu un. Desaparece o Partido da Terra, que non acadou representación.