A apertura do aparcadoiro de Xuíz Falcone mellora a fluidez do tráfico en Noia

    NOIA> Xa está en marcha o novo aparcadoiro de Noia. Durante os primeiros meses, o servizo será gratuíto ata que saian a concurso as oitenta prazas previstas en réxime de alugueiro. Nos poucos días en que leva funcionando o aparcadoiro da rúa Xuíz Falcone xa se percibe unha maior fluidez do tráfico no centro de Noia. Este é o obxectivo que persegue o goberno con esta instalación que contribuirá ademais a eliminar definitivamente o tráfico rodado no casco urbano. Ademais da reserva de prazas para uso municipal, o aparcadoiro contará con oitenta estacionamentos que sairán a concurso en réxime de alugueiro. Mentres non se complete o proceso, o seu uso será gratuíto ó igual que as máis de trinta prazas do andar superior que seguirán sendo de balde de xeito definitivo. As obras do parquing supuxeron ademais outras actuacións complementarias para mellorar os accesos ás propiedades colindantes e á horta do Marqués.