O PP tantea ó NOIA ante unha posible moción de censura

    NOIA> Sopran ventos de cambio no concello de Noia. Trala crise interna aberta no seo do executivo, o Partido Popular sondea ós edís de Noieses Independentes Agrupados ante a posibilidade dunha hipotética moción de censura que afastaría ó PSOE da alcaldía. O Partido Popular mantivo a última hora da pasada tarde un encontro coa executiva de Noieses Independentes Agrupados, partido que goberno en coalición co PSOE. A intención dos populares era expoñer a situación de desgoberno que atravesa o executivo dende o inicio da presente lexislatura, hai sete meses. Ante esta parálise, consideran que Noia precisa dun goberno estable, con maioría, que pasaría por unha coalición integrada polo PP e o NOIA e arredaría ó socialista Miguel Paz da alcaldía. Tralo encontro, o presidente do partido independente, José Pérez, afirmou que existen varios puntos en común cos populares no referente ó bloqueo administrativo que sofre o concello. Sen embargo, insiste en que non se plantexou formalmente a presentación dunha moción de censura, algo que competería ó PP. Á espera de que os populares movan ficha, Pérez seguirá a cumprir cos seus compromisos como membro de goberno. A mediados de xaneiro, a executiva volverá reunirse para coñecer a opinión dos vinte e un membros ante a posibilidade de conformar un goberno en maioría, con dez edís, fronte ós seis que o integran actualmente. É máis, Marisol Villar, a outra concelleira do NOIA permanece de baixa dende que se puxera de manifesto a brecha interna entre os dous grupos que gobernan. De non chegar a acordo cos independentes, o Partido Popular non descarta mesmo presentar unha moción a iniciativa propia para evitar que se perdan catro anos. Sen embargo, manteñen a porta aberta e confían en chegar a un consenso entre ambas formacións que permita dotar a Noia de estabilidade.