RIBEIRA> Ribeira celebraba esta mañá a reunión da Mesa Local de Coordinación Institucional contra a Violencia de Xénero. Ademais de responsables de distintos departamentos municipais e dos corpos de seguridade, participou no encontro o Director Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia.
Exceptuando as sete grandes cidades de Galicia, o xulgado de Ribeira é o segundo de toda a comunidade que máis casos de violencia de xénero rexistra ó ano, tan só por detrás de Cambados.
Co obxectivo de reverter esta tendencia, a mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero do concello reúnese cada seis meses para avaliar a situación e tomar medidas baseadas fundamentalmente na prevención.
Na actualidade, hai un cento de mesas de coordinación en toda Galicia na que participan os distintos operadores implicados na loita contra a violencia de xénero, con representación das distintas administracións, axentes educativos e sociais e corpos de seguridade.











