Ribeira agarda preto de oitocentos participantes no Día da Bici

    RIBEIRA> Ribeira acollerá o próximo domingo 19 de xuño o Día da Bici. A organización da actividade correrá a cargo outro ano máis dos clubs ciclistas Tahume e Saltamontes, en colaboración co propio concello. A céntrica praza de España volverá a ser punto de saída e de chegada da actividade. Co obxectivo de superar os 750 participantes da edición anterior, a organización do Día da Bici de Ribeira presentou a nova cita, que se desenvolverá o domingo 19 se xuño. A actividade, que ano a ano está a adquirir un maior protagonismo, correrá a cargo un ano máis dos clubs ciclistas Tahume e Saltamontes, en colaboración co propio concello e distintas casas comerciais. A cita arrancará ás once da mañá dende a Praza de España. O percorrido será moi semellante ó de anos anteriores. Os participantes terán que percorrer un traxecto urbano de aproximadamente uns nove quilómetros, cunha dificultade técnica e física baixa. Ademais e de xeito paralelo, haberá unha xincana infantil para os máis pequeniños que dará comezo ó redor das once e media na propia praza. A idade mínima que a organización propón para realizar o percorrido íntegro é de sete anos. Ó remate da ruta procederase tamén ó sorteo de diversos regalos entre os participantes. As inscricións poden realizarse ata o vindeiro xoves 16 de xuño na páxina web municipal: www.riveira.es / www.riveira.gal. O uso do casco será como sempre obrigatorio.