Arquitectos de ámbito nacional estudarán as potencialidades do Barbanza

    RIBEIRA> Unha quincena de arquitectos do ámbito nacional participarán nun obradoiro que se desenvolverá no Barbanza durante cinco semanas. O obxectivo da iniciativa, promovida polo estudo de arquitectura Chipperfield, é analizar as potencialidades da comarca baixo a filosofía dun crecemento sostible. O Workshop Ria de Arousa, organizado polo estudo do prestigioso arquitecto David Chipperfield, achega ata a comarca a quince arquitectos, entre eles estudantes de último ano e profesionais en activo. Ó longo de cinco semanas estudarán os concellos de Ribeira, Pobra, Boiro, Rianxo e Porto do Son co obxectivo de desenvolver económicamente o territorio a través dos seus recursos propios pero sempre preservando o entorno natural. Ademais das visitas guiadas que levarán a cabo pola zona, o principal lugar de traballo será o primeiro andar do mercado de Ribeira onde porán en común as conclusións das cinco áreas de estudo: patrimonio natural, patrimonio cultural, planeamento urbano, actividades económicas e sector turístico. O proxecto constitúe unha iniciativa persoal do propio arquitecto británico debido ó seu especial vínculo coa comarca do Barbanza xa que leva máis dun cuarto de século veraneando en Corrubedo.O proxecto concluirá u once de xullo coa exposición dos resultados da análise a cargo dos participantes.