Ribeira debaterá no próximo pleno un orzamento próximo ós vinte e un millóns e medio

    RIBEIRA> O executivo ribeirense levará a próxima semana a pleno a aprobación dos orzamentos para o presente ano. No seu total ascenden a 21’4 millóns de euros, cun incremento do 6% con respecto ós do ano anterior . Foi o propio alcalde, Manuel Ruíz, o encargado de desglosar punto por punto tódolos capítulos do documento orzamentario que ascende no seu total a 21’4 millóns de euros. Segundo el trátase duns presupostos prudentes e realistas, cun marcado carácter social, claramente observable ó incrementar esta partida en máis de catrocentos mil euros ata alcanzar os 1,7 millóns de euros. O capítulo de investimentos increméntase con respecto ó 2015 grazas ós fondos procedentes doutras Administracións acadando a cifra dos preto de tres millóns de euros. Entre as partidas máis importantes destacan as destinadas á remodelación do campo de fútbol de Carreira, 263 mil euros, e ó centro social multiusos desta mesma parroquia, 266 mil; á rede de saneamento de Bretal, 151 mil ou á pavimentación e instalación de pluviais na rúa Miñoteiro en Palmeira por un importe de 131 mil euros. En canto á débeda, o alcalde sinalou que o nivel endebedamento sitúase nun 42’25%, quince puntos menos que a do exercicio anterior, o que evidencia o bo traballo realizado na xestión e na contención do gasto. Cumpríndose ademais a estabilidade orzamentaria cun superávit de 462 mil euros. Despois de serlle presentado ós grupos da oposición, o documento orzamentario será levado a pleno a próxima semana para a súa aprobación inicial. Un trámite que dende o concello confían en que saia adiante, xa que a práctica totalidade das propostas presentadas polo resto de forzas con representación municipal foran incluídas.