Boiro avanza na rehabilitación do lagar pequeno e as cortes de Goiáns

BOIRO> O concello de Boiro avanza na posta en valor de novas edificacións da finca de Goiáns. O pleno vén de dar luz verde á rehabilitación do antigo lagar e as cortes a través dun convenio coa Deputación da Coruña.

Trala rehabilitación do Pazo de Goiáns e a capela, o concello de Boiro avanza na posta en valor das edificacións auxiliares da finca, unha das xoias patrimoniais non só do municipio senón de toda a comarca.  A través dun convenio coa Deputación da Coruña acometerase o proxecto de restauración do lagar pequeno, a vivenda e as antigas cortes cun investimento superior ós 250 mil euros.

A actuación contempla obras de consolidación urxentes de ámbito estrutural así como a mellor das envolventes coa substitución das estruturas da cuberta derrubadas, saneado de muros e fachada, conservación do piso e recuperación ou instalación dos elementos de carpintería. Ademais deste proxecto, o concello ten solicitada unha subvención tamén á administración provincial para o acondicionamento do pombal.

Unha vez executada tan só quedaría pendente a restauración do lagar grande, a casa dos caseiros e a instalación auxiliar anexa ó pazo para completar a posta en valor deste complexo patrimonial.