Cabo de Cruz proclámase campión galego de traíñas nas categorías masculina e feminina

    BOIRO> O Club de Remo Cabo de Cruz faise co Campionato Galego en categorías masculina e feminina. As embarcacións boirenses foron as grandes dominadoras na regata celebrada en Moaña na que se poñían en xogo os títulos autonómicos. Fin de semana case perfecta para o Club de Remo Cabo de Cruz. O domingo, na súa regata, a vixésimo sexta edición da Bandeira Concello de Boiro, pertencente á Liga ACT-San Miguel, os boirenses conseguiron un máis que meritorio terceiro posto, tan só superados por Hondarribia e Urdaibai, esta última a embarcación gañadora da proba. Os crucenses vencían na súa tanda, a primeira, cun tempo de 20:24, superando a San Juan, Portugalete e Zumaia. Houbo que agardar a terceira tanda, a dos favoritos, para coñecer o gañador final. Un galardón que recaeu finalmente en Urdaibai que parou o cronómetro en 20:03. Por detrás dela Hondarribia cun tempo de 20:15. Pero non foi a única satisfacción do club boirense. Xa que na proba disputada este luns en Moaña na que se poñía en xogo o título autonómico as embarcacións crucenses volveron a ser as grandes dominadoras. A tripulación masculina en categoría senior revalidaba o título acadado o ano pasado, vencendo a Tirán, Samertolameu e Puebla, que coparon por esta orde os primeiros postos da regata. En canto á categoría feminina as crucenses, que partían a priori coma favoritas, non deron opción, impoñéndose de xeito claro e rotundo ás súas únicas adversarias, a embarcación de Chapela.