A elite da arpa darase cita a vindeira semana en Noia

    NOIA> Noia acollerá entre o 2 e o 4 de agosto aos grandes nomes do mundo da arpa a nivel mundial. Este martes presentouse a terceira edición do Festival Internacional de Arpa da Vila, que conta un ano máis, cun asesor de luxo, Rodrigo Romaní. Achegar a arpa tanto a afeccionados coma ao público en xeral, é o obxectivo un ano máis deste festival, todo un referente xa no que se refire a este instrumento de corda. Algo que, na presentación desta terceira edición, o concello quixo agradecer ao seu director artístico, o arpista máis recoñecido de Galicia, Rodrigo Romaní. Desde o concello garantiuse a continuidade do festival en vindeiros anos e mesmo se pensa no futuro, en dedicar un día a un país latinoamericano, xa que nesta edición participan artistas do outro lado do atlántico. De ahí que o padriño do festival o califique de transversal e atemporal. Por primeira vez este ano os pequenos tamén contarán co seu propio espectáculo. Os concertos serán na Igrexa de Santa María A Nova e na Praza do Tapal. Menos o día da inauguración o dous de agosto, cuxa entrada custará 5 euros, o resto dos días os que desexen adentrarse no universo deste antigo instrumento de corda, poderán facelo totalmente de balde.