LOUSAME> Este vindeiro luns comezan no cemiterio de Santa Eulalia de Vilacoba, a carón da igrexa, os traballos de busca, identificación e exhumación de Manuel García Hermo, un xastre ribeirense asasinado en agosto do ano 1936, tralo golpe de estado que deu paso á ditadura franquista.
Cúmprese así o desexo, da súa filla, Carmen García Neira, que leva preto de noventa anos buscando os restos de seu pai.
Os traballos da busca da fosa e a posterior exhumación dos restos que aparezan será levada a cabo por un equipo multidisciplinar coordinado polo prestixioso antropólogo forense Fernando Serrulla e o arqueólogo Andrés Bonilla.
O proceso xa contou cunha busca anterior, en 2022, levada a cabo no mesmo cemiterio, pero cuxos resultados non foron os agardados, polo que a familia solicitou facer unha nova busca.
A familia conta co apoio institucional da Deputación da Coruña, que financia o proxecto con fondos propios a través da área de Dereitos Civís, co apoio tamén da Federación Española de Municipios e Provincias.
Na mesma investigación, cuxos traballos se prolongarán ó longo de toda esa semana, intentarase localizar a outras catro vítimas que tamén poden estar enterradas nalgunha fosa común deste cemiterio: os tres asasinados no chamado ‘Crime de Marcelle’ en febreiro de 1938: Perfecto Félix Vilas Romero, María Xosefa Becerra Laíño e Antonio Vilas Romero; e o mineiro asturiano Avelino Méndez Suárez.











