Rosa Quintana visitou Boiro para coñecer as necesidades dos mariscadores crucenses

    BOIRO> Dobre visita da conselleira do Mar, Rosa Quintana, a Boiro. Pola mañá visitaba as instalacións de Estaleiros Triñanes e pola tarde mantivo un encontro de traballo con representantes do pósito crucense. A primeira das paradas da titular de Mar en Boiro producíase en Estaleiros Triñanes. Non é a primeira vez que Rosa Quintana visita as instalacións para coñecer de primeira man o traballo que desenvolve esta firma de construción de barcos en madeira, que nos últimos anos apostou decididamente por unha combinación das técnicas máis tradicionais coa incorporación das últimas innovacións en construción naval. Precisamente a Conselleira puxo como exemplo a esta empresa que forma parte da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira, entidade xurdida precisamente para transformar a carpintería de ribeira nunha industria máis competitiva e innovadora. A outra das paradas de Rosa Quintana en Boiro foi a sede da Confraría de Pescadores de Cabo de Cruz, onde mantivo un encontro cos representantes do pósito co fin de coñecer de primeira man as súas necesidades. Un dos temas abordados na xuntanza foi o problema do furtivismo, unha lacra que afecta en gran medida á confraría boirense.