Os residuos mariños centrarán as actividades do Día dos Océanos

    RIBEIRA> O Campus do Mar volveu escoller Ribeira para conmemorar o Día Mundial dos Océanos. A través de actividades divulgativas, a cidadanía poderá coñecer o alcance da contaminación no medio mariño. Realizarase tamén unha acción ambiental de recollida de residuos en dúas praias do municipio. As praias de Fontán e Area Secada, no Touro, serán escenario dunha actividade de recollida de residuos que ten, sobre todo, carácter divulgativo e concienciación. Da man de expertos no medio mariño, os voluntarios axudarán a cuantificar o nivel de lixo mariño existente no litoral ribeirense. Os datos obtidos enviaranse en tempo real a unha plataforma creada pola Axencia Europea de Medio Ambiente na que participan entidades de todo o mundo. Os resultados de seguro que sorprende mesmo ós máis escépticos. Segundo explicou o director do Campus do Mar, entre un dous e un cinco por cento de todo o plástico xerado en todo o mundo acaba no mar. En paralelo a esta acción formativa, na que poden inscribirse os voluntarios a través da web www.campusdomar.es instalaranse unhas carpas informativas no paseo do Touro. Os visitantes poderán participar nas diversas actividades e charlas que oferta cada unha, a modo de ruta polos océanos do mundo. Ó remate recibirán un pequeno agasallo. Nesta edición, a Universidade de Vigo da que depende o Campus, volveu apostar por Ribeira non só polas súas caracterísiticas xeográficas senón tamén polo éxito de participación e a colaboración do concello. Neste sentido, o alcalde destacou o compromiso co medioambiente da actual corporación que promoveu unha serie de actuacións para reducir os vertidos e mellorar o saneamento. As actividades previstas para o sábado darán comezo ás dez da mañá. O punto de encontro será o paseo do Touro na conexión coa Ameixida.