Sálvora eríxese como referente do turismo sostible

    RIBEIRA> Os conselleiros de Medio Ambiente e Política Social visitaron esta mañá a Illa de Sálvora para coñecer de primeira man os labores de voluntariado ambiental que os usuarios de AMICOS realizan dende hai meses. Ademais da limpeza de praias e retirada de especies invasoras, os voluntarios colaboraron na rehabilitación das construcións. A visita dos dous conselleiros exemplifica a forte aposta da Xunta polo parque nacional das Illas Atlánticas, concretamente por Sálvora , unha das grandes descoñecidas deste conxunto que, grazas ó esforzo inversor da administración pública, comeza a destacar entre as outras xoias deste arquipélago. A través do plan de dinamización turística que se está a desenvolver dende primeiros anos tense incrementado notablemente o número de visitantes sendo Sálvora a máis beneficiaria cun cincuenta por cento máis de visitas no que vai de ano. A conservación da contorna e a recuperación do seu patrimonio son tamén clave á hora de promover un turismo sostible. Neste punto colaboran activamente os usuarios de AMICOS do Barbanza que participan dende hai anos nas accións de voluntariado ambiental na Illa. Ademais de contribuír á recuperación do noso patrimonio natural, este tipo de iniciativas buscan a inserción das persoas con diversidade funcional promovendo a igualdade plena.