En marcha a renovación das redes e mellora da seguridade en Escarabote

    BOIRO> O executivo boirense inviste preto de cen mil euros na mellora dun treito da estrada principal. A obra contempla a dotación de beirarrúas e a renovación completa da rede de saneamento que, na actualidade, non contaba con separativo do fecais e pluviais. Os traballos, concentrados nun treito aproximado de novecentos metros, suporán unha importante mellora para a calidade de vida dos veciños de Escarabote que levaban anos denunciando os malos olores derivados das filtracións da rede de saneamento ás vivendas. O executivo decidiu acometer a renovación completa das tubaxes que se atopaban moi deterioradas e, nalgúns casos, sen conexión. Ademais da renovación desta rede xa obsoleta, o executivo viuse obrigado a incluír unha segunda fase para actuar nunha das rúas transversais, executada durante a anterior lexislatura polo bipartito, na que tampouco se realizou o separativo. A obra contempla tamén a ampliación de beirarrúas e a instalación de varandas protectoras para mellorar a seguridade vial nunha estrada moi transitada que comunica o núcleo de Boiro con Escarabote.