Rianxo acometerá o saneamento dos lugares de Barral, Outeiro e Casilla

    RIANXO> Nas próximas semanas o executivo rianxeiro sacará a licitación as obras de saneamento nos lugares de Barral, Outeiro e a Casilla. A actuación, cun presuposto que ronda os trescentos mil euros, permitirá seguir avanzando na consecución do tan ansiado saneamento integral do municipio. A lixeira melloría na saúde das arcas municipais, xunto coa aportación, neste caso da Deputación da Coruña, permitiralle ó executivo rianxeiro poder acometer unha importante actuación de saneamento nos lugares de Barral, Outeiro e a Casilla. Con esta obra, que sairá en breve a licitación e que dará servizo a un cincuenta veciños destes tres núcleos, o Concello poderá seguir avanzando de cara a consecución do saneamento integral do municipio. En canto a outros proxectos a desenvolver en materia de sanemaento, o executivo ten en mente tamén un proxecto piloto para a execución do saneamento no lugar de Cerqueiras a través dun sistema de depuración autónomo. Dende o concello agardan tamén maior implicación da Xunta de cara á realización doutras actuacións xa comprometidas en varias zonas pendentes en Leiro e Isorna, e tamén diversas melloras na actual depuradora de Rianxo.