RIBEIRA> A actuación heroica dun pai en Ribeira evitou o que puido ser unha traxedia. Unha chamada ó 112 alertou dun incendio nunha vivenda no lugar da Mámoa, en Carreira, coa posibilidade de xente atrapada no seu interior.
Á chegada dos equipos de emerxencia, estes atopáronse con tódolos ocupantes da vivenda, unha parella e os seus dous fillos menores, un deles un bebé, xa a salvo.
Coa axuda dunha escaleira de man, o propietario da casa xa os evacuara da azotea, onde se refuxiaran escapando do lume e o fume.
Os catro ocupantes da vivenda foron trasladados ó centro de saúde de Ribeira para ser examinados posto que inhalaron gran cantidade de fume. Tras constatar que se atopaban en bo estado, puideron regresar á súa casa despois de finalizar os labores de ventilación.
O lume orixinouse na planta baixa e estendeuse con virulencia polo que os traballos de extinción prolongáronse durante máis de tres horas.
Ademais dos bombeiros de Ribeira e Boiro, participaron no operativo efectivos do GAEM de Ribeira e dos corpos da policía local e nacional.