Denuncian vertidos de augas fecais na praia dos Mosqueiros

    RIBEIRA> Veciños e usuarios da praia de Mosqueiros na parroquia ribeirense de Castiñeiras denuncian a existencia dun foco altamente contaminante nas augas deste areal. Ó parecer, o problema vén derivado dunha vertedura de augas fecais procedente da rede xeral. Catro rapaces e dous adultos xa sufriron diversos problemas de saúde a consecuencia do baño destas augas contaminadas. Indignados. Así se mostraban un numeroso grupo de veciños e usuarios da praia dos Mosqueiros na parroquia de Castiñeiras. Hai uns días atopábanse cunha vertedura de grandes dimensións de augas fecais nunha das zonas do areal procedente ó parecer do emisario da rede xeral que pasa polas inmediacións e que vai á nova EDAR, aínda en fase de probas. O grupo municipal do BNG fíxose eco tamén deste problema e despois de realizar a correspondente denuncia ante o SEPRONA, decidiron presentar unha iniciativa no Concello interesándose por esta situación, ó seu entender grave, solicitando que á maior brevidade posible se indaguen as razóns deste vertido e se analicen as consecuencias que pode ter para as persoas o baño nestas augas contaminadas.