Adrián Ben e Edymar Brea impóñense na Sin-Son 10K

PORTO DO SON> Non houbo sorpresas. Adrián Ben e Edymar Brea fixéronse co ouro na Sin-Son 10 K disputada este domingo entre Portosín e Porto do Son. Lograron impoñerse sen dificultade entre os máis de 1300 deportistas que participaron nunha das edicións máis multitudinarias da proba.

Un ano máis, a carreira Sin Son 10K demostrou o seu enorme tirón con máis de 1300 participantes. Entre eles, os dous grandes favoritos que finalmente se alzaron con triunfo na categoría masculina e feminina: Adrián Ben e Edymar Brea.

O primeiro fixo honor ó seu título de padriño da proba completando o percorrido de dez quilómetros en tan só 29 minutos, 36 segundos, por diante de David de la Fuente e Jorge Puig, segundo e terceiro clasificados. Tamén a destacar a boa marca de Edymar Brea que cruzou a meta cun tempo de 33: 54. Completaron o podio feminino a pobrense Laura Santos e Sandra Mosquera.

A pesar da altísima participación, a proba desenvolveuse sen ningún incidente grazas ó extenso operativo de seguridade posto en marcha no que colaboran Protección Civil e Cruz Vermella, así como numerosos voluntarios de clubs e entidades locais que prestan o seu apoio loxístico para poder organizar un evento deportivo de tal magnitude.

A organización tivo nesta edición un especial recordo para Manel Deán, concelleiro falecido o pasado mes de xuño, que foi un dos grandes impulsores desta proba.